martes, 12 de abril de 2016

ANÁLISE DO REPOSITORIO ELIXIDO

O repositorio que eliximos foi “Maremáticas”, é un software educativo para a práctica e exercitación xa que proporciona diversas actividades de ensaio ou erro. Polo tanto, estamos falando da teoría condutista onde a memoria é o resultado de repetidas experiencias, onde a recompensa e o castigo son influentes.
Neste repositorio, o alumnado é reactivo porque o alumno ou alumna non ten a liberdade de investigar ou afondar, senón que reacciona a unha pregunta ou a un exercicio xa estruturado, onde ten unhas opcións concretas.
O profesorado no noso repositorio non ten ningunha función concreta, o alumnado pode realizar este exercicio sen axuda do mestre ou mestra, fomentando a súa autonomía. De todos modos, pensamos que a presenza do profesorado é importante nesta actividade, para poder exercer de apoio para os nenos e nenas en caso de dúbidas.

O nivel de integración das TIC segundo o modelo SAMR na nosa actividade é de transformación, máis concretamente de modificación, xa que  neste caso a tecnoloxía permite unha redefinición significativa das tarefas a realizar.

lunes, 11 de abril de 2016

REFLEXIÓN PERSOAL SOBRE A UTILIDADE DOS BLOGS

Un blog é un sitio web no que se publican contidos do interese do propio autor ou autora que se actualizan con asiduidade e que poden ser comentados polos distintos usuarios de blogs ou por calquera persoa que poda visualizalo.
Esta ferramenta virtual permítenos transmitir diferentes informacións de diversos temas que poden ter utilidade en varios campos, como pode ser o campo persoal, o académico ou o laboral.
No relativo ao campo persoal, un blog serve para manifestar diferentes opinións ou documentacións sobre diversas temáticas, que poden ser vistas e utilizadas por aqueles e aquelas que o precisen. É unha boa forma de compartir información ou de desafogarse sobre ámbitos de calquera índole, que tanto son útiles para os visitantes e as visitantes do blog, como para os e as blogguers.
No ámbito académico, esta web permite un maior achegamento á educación, ás aulas e aos centros e informa do seu funcionamento á sociedade, facendo que as familias e o contexto social en xeral estean máis e mellor informados sobre o realizado nas clases e a súa utilidade, tanto para os nenos e nenas como para os docentes e as docentes.
Deste xeito, a comunicación entre familia e escola sería bidireccional e permitiría unha retroalimentación e un feedback moi eficiente que poderemos utilizar para mellorar a nosa práctica docente e para obter os mellores resultados nas nosas aulas.

Finalmente, no campo laboral, un blog serve como plataforma para impulsar un produto ou para ofertar certos servizos dun xeito máis actual, dinámico e efectivo, non só a nivel nacional, senón tamén a nivel global, fomentando o seu posible éxito e a súa difusión.

COMENTARIO E DESCRICIÓN DO BLOG "MI COLE AL DÍA"

Tras a nosa búsqueda na web de diferentes blogs relacionados coa educación infantil, atopamos un en concreto que consideramos que podería ser moi útil para a elaboración do noso, e que non só está feito para mestres e mestras e familias, senón que tamén ten en conta aos cativos, algo que consideramos moi importante.
O blog en cuestión é http://micolealdia.blogspot.com.es/ , un espazo no cal puidemos atopar diversas entradas con moi boas ideas sobre distintas actividades cos cativos e cativas, recomendacións para pais e nais, mestres e mestras e os propios nenos e nenas, cancións ou vídeos, que serven de inspiración, tanto para outros centros como para particulares.
“Mi cole al día” ofrece a posibilidade de participar activamente na plataforma e de aportar opinións para mellorar o blog e ser o máis útil posible. Ten un apartado de suxerencias, recomendacións de outros blogs coa mesma temática, información sobre o blog, correo de contacto, apartados concretos para os pequenos e pequenas, as familias e os/as docentes, etc.

Para rematar, o seu deseño e a súa organización resulta moi atractiva, e a información que ofrece é doada de atopar e de visualizar. Por todo isto é polo que decidimos basearnos neste blog para a nosa tarefa.

TRABALLANDO OS BIVALVOS DO NOSO MAR

Con esta actividade pretendemos que os nenos e nenas coñezan e traballen os bivalvos típicos das nosas costas (berberechos, navallas, mexillóns, ostras, ameixas, vieiras…) podendo afondar nas súas características, funcións… dende unha visión didáctica e coopperativa.
Este traballo realizarase en pequenos grupos, aos cales se lles asignará un bivalvo en concreto, do cal se buscará información, imaxes, etc, que quedarán gardadas nos nosos arquivos para poder acudir a eles sempre que se desexe. Ademais, ao rematar a búsqueda de información de cada animal, os nenos e nenas realizarán un mural onde se expoñerán todos os bivalvos debuxados e coloreados polo alumnado. A información correspondente a cada bivalvo quedará esquematizada no mural.

A información completa desta actividade poderá compartirse a través dun código QR como o que poremos a continuación nesta entrada.


martes, 29 de marzo de 2016

CONTIDO EDUCATIVO DIXITAL PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Nesta entrada facilitaremos un par de xogos con contido educativo dixital para Educación Infantil que poden resultar útiles e entretidos para os máis pequenos e as máis pequenas, axudando a adquirir coñecementos dun xeito máis ameno.
O primeiro xogo que poñemos á disposición dos nosos/as seguidores/as chámase "Maremáticas". Este xogo ten como finalidade a familiarización por parte do alumnado coas matemáticas dende unha temática relacionada co mar, o que fai que os nenos e nenas poidan adquirir á súa vez coñecementos sobre este ámbito, facéndoo máis ameno.
En canto ó contido, este xogo contén actividades e xogos que os cativos e cativas poden elixir ao seu gusto, relacionadas coas matemáticas e o mar.
Esta actividade está destinada a todos os pequenos e pequenas do segundo ciclo de Educación Infantil, máis concretamente para o alumnado de 5 anos.





foto juego.png


 Outra actividade que pode axudar ao aprendizaxe dos/as máis pequenos/as chámase “Bichos”








Moitas grazas polo voso tempo e ata a próxima!